Skip to main content

Os centros museísticos xestionados por Cultura e Educación reciben máis de 7.500 visitas con motivo das actividades organizadas polo Día Internacional dos Museos

Os centros museísticos xestionados por Cultura e Educación reciben máis de 7.500 visitas con motivo das actividades organizadas polo Día Internacional dos Museos

O Museo do Mar de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o gran éxito de público nos centros museísticos dependentes Consellería con motivo do Día Internacional dos Museos (18 de maio, DIM 2014). Máis de 7.500 persoas participaron nas actividades programadas con motivo desta festividade que comezaron a principios da semana pasada e que nalgúns centros continuarán ata finais deste mes.

Dende a Xunta de Galicia agradécese o esforzo realizado por directores e persoal dos museos na programación desta oferta cultural e didáctica que non fose posible sen a súa colaboración. Deste xeito, a través de numerosas actividades de gran calidade conseguiuse dinamizar as zonas de influencia de cada un destes espazos expositivos e achegar á cidadanía ás diferentes disciplinas nas que están especializados: a arqueoloxía, a etnoloxía, a cultura castrexa, o mar, as belas artes ou a pedagoxía, entre outras. Todas as actividades organizadas co gallo do DIM 2014 foron gratuítas.

Compostela
Na capital de Galicia as actividades comezaron xa da man do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) que tamén organizou, co gallo do Día das Letras Galegas, un ciclo de documentais de literatura dirixidos por Gonzalo Veloso os días 13, 14 e 15 de maio. Onte acolleu o concerto de Vertixe Sonora Ensemble dentro do ciclo ‘Música e Arte’, ademais das proxeccións do Ciclo do Thatcherismo. En total asistiron a estas actividades 793 visitantes.

O Museo das Peregrinacións e de Santiago programou durante a semana pasada numerosas actividades para escolares. Durante o día de onte foi visitado por 49 persoas, e esta semana espérase unha gran afluencia de público con motivo das xornadas de portas abertas que se celebrarán ata o vindeiro día 25, onde os visitantes poderán coñecer espazos do centro que normalmente non están abertos ao público.

No caso do Mupega, a actividade central celebrouse o pasado martes 13 cunha visita interxeracional do alumnado de 4º e 5º de Primaria do CEIP Igrexa-Calo e membros da Asociación Galega de Enfermos Leves de Alzhéimer (Agadea). Durante toda a semana pasada visitaron este museo máis de 250 persoas.

Ademais, estes tres centros participaron conxuntamente con outros museos da cidade nun proxecto no que se intercambiaron entre si unha obra das súas coleccións. Así, por exemplo, o CGAC acolleu unha peza do Museo das Peregrinacións, e prestou outra dos seus fondos ao MUPEGA, e en todos eles celebraron unha actividade con centros educativos na que o alumnado debía de recoñecer a ‘obra camuflada’.

O Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura de Galicia, baixo o slogan ‘O día dos museos pode ser divertido’ sumouse ao DIM 2014 ofrecendo unha xornada de portas abertas para visitar a exposición ‘Auga Doce’ e todo un programa de actividades dirixidas a público familiar. En total mais de 1.100 persoas participaron nestas actividades culturais e lúdicas do Gaiás relacionadas co mundo da auga e co obxectivo de estimular a creatividade, especialmente dos mais cativos, e de concienciar da necesidade dun uso sostible deste recurso. O Museo ofreceu un total de 11 actividades con diferentes pases ao longo dunha xornada onde houbo visitas guiadas, obradoiros, xogos, contacontos, etc.

Literatura e arte
A Fundación Pública Galega Camilo José Cela organizou varias actividade dende principios da semana pasada. Entre elas destacan a proxección na súa sede en Padrón do documental ‘Nimbos de poesía’ sobre a vida e obra de Xosé María Díaz Castro; unha visita guiada o 17 de maio na que se analizou o manuscrito de ‘La colmena’, conservado na fundación; así como unha visita-obradoiro baseada no poema máis coñecido de Díaz Castro, ‘Penélope’. Ao longo da semana o público escolar poderá gozar tamén da visita-obradoiro ‘Xogos de letras’, con itinerarios específicos para cada nivel educativo. En total as actividades organizadas pola Fundación contaron coa participación de 370 persoas.

Pola súa parte, o Museo de Belas Artes da Coruña abriu o día 16 cun horario especial ata media noite, ofrecendo visitas teatralizadas á colección, e un concerto de ‘May Thai&Los Torino Rockets’. O propio día 18, ademais da xornada de portas abertas, celebrouse o concerto de ‘Atlantis Piano Dúo’, conformado por Sophia Hase e Eduardo Ponce. Deste xeito, na última semana visitaron o museo coruñés máis de 700 persoas, destacando o gran número de participantes nas diferentes visitas guiadas.

Arqueoloxía e etnoloxía
A conmemoración do DIM 2014 no Museo do Castro de Viladonga (Lugo) comezou o venres 16 co espectáculo ‘O Afiador Rodesindo da Barrosa’, a cargo de Pepe Penabade, e cunha conferencia-concerto en homenaxe a Xosé Mª Díaz Castro, con Mini e Mero. O sábado pola tarde celebrouse no xardín do museo unha actividade de recreación histórica, demostracións e xogos populares con participación do público, a cargo de diferentes asociacións. Tamén houbo unha actuación do grupo de música tradicional Os Valuros e outra do Mago Rafa. O museo lucense pechou a xornada uníndose á iniciativa da Noite Internacional dos Museos cunha visita nocturna ao castro. Deste xeito, arredor de 470 persoas participaron en todas estas actividades.
Pola súa banda o Museo Arqueolóxico de Ourense preparou visitas guiadas para grupos ao edificio do Pazo do Bispo do 13 ao 16 de maio. Ademais, o día 14 presentouse a peza do mes, o taboleiro de xogo de 'Aqvis Qverqvennis'; o 15 realizouse o obradoiro 'Ludus, a xogar como os romanos' e o propio día 18 tivo lugar unha xornada de portas abertas con visitas guiadas, que se pechou cun concerto de Mónica de Nut. Máis de 1.200 persoas participaron ao longo da semana nestes actos.

No caso do Museo Etnolóxico de Ribadavia as actividades trasládanse aos días 21, 22, 27 e 28 de maio, cos obradoiros para escolares ‘Escribimos coa luz’, que teñen como obxectivo dar a coñecer os fondos fotográficos do centro.

Parques arqueolóxicos
Os parques arqueolóxicos de Galicia tamén se uniron este ano á celebración do DIM. Así, o da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las preparou para o día 14 a visita ‘Andar con arte’, na que se visitaron bens patrimoniais da zona como o Mosteiro de San Clodio de Leiro ou a igrexa de San Miguel de Osmo (Cenlle). Asemade, Fran Pérez ‘Narf’ presentou o seu novo traballo discográfico ‘Nas tardes escuras’, e houbo unha visita nocturna ao castro na que se mesturaron arqueoloxía e gastronomía. Un total de 317 persoas visitaron onte San Cibrao de Las para participar nas actividades organizadas con motivo do DIM 2014.

No Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro a conmemoración do Día Internacional dos Museos desenvolveuse o domingo 18, cunha xornada de portas abertas e o sábado 17 pola noite, cun paleoconcerto da man de Neonymus, unha innovadora proposta musical de Silberius de Ura na que frautas de óso de voitre, frautas doces, melódica, ósos e pedras e tubos de plástico, entre outros instrumentos, evocaron os sons da Prehistoria. Preto de 350 persoas participaron nestas actividades.

Museo do Mar e Massó
O Museo do Mar de Galicia, en Vigo, celebrou o Día Internacional dos Museos cunha xornada de portas abertas en horario de 10 a 14 e de 17 a 19 horas. Durante esta xornada máis de 2.000 persoas visitaron completamente de balde este centro, tendo ademais a un grupo de profesionais á súa disposición para resolver as dúbidas e preguntas sobre o museo. O número de visitantes no Museo do Mar foi moi superior ao acadado o ano pasado na celebración do DIM.

Pola súa banda, o Museo Massó, en Bueu, abriu a semana pasada unha pequena mostra dedicada a unha peza singular deste centro, a partitura manuscrita da ‘Muiñeira opus 32 de Pablo Sarasate’, que permanecerá aberta durante as vindeiras semanas. Onte tivo lugar un obradoiro musical infantil sobre esta mostra que contou con 70 nenos e nenas de 4 a 9 anos.