10 de decembro do 2013 O XX aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade centra unha conferencia e unha mesa redonda no Museo das Peregrinacións

Museo das Peregrinacións e de Santiago

Os actos conmemorativos do XX aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade pola Unesco incluíron unha conferencia do catedrático de Historia da Arte Moderna e Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, José Manuel García Iglesias que foi presentado pola directora de Turismo Nava Castro Domínguez. García Iglesias falou no seu relatorio sobre Santiago de Compostela como cidade, sobre os seus recursos asociados ao culto e á cultura xacobea, así como sobre a evolución do Camiño nestas dúas décadas transcorridas tras a declaración da Unesco.

Tras a conferencia do catedrático García Iglesias, os actos continuaron coa celebración dunha mesa redonda na que participaron a tenente de alcalde e concelleira de Turismo, Reyes Leis; o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez; o presidente da Mancomuniade de alcaldes do Camiño Francés, José Manuel Mato; o profesor de Historia da Arte da USC, Miguel Taín; e mais o técnico de asociacionismo e investigación do Xacobeo, Manuel Rodríguez.

A mesa redonda estivo moderada pola directora de Turismo, Nava Castro Domínguez, que na introdución desta resaltou que dende o 1 de xaneiro de 1993, ano no que o Camiño foi declarado Patrimonio da Humanidade, ata o día de hoxe, un total de 2.241.377 peregrinos selaron a súa credencial e recolleron a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino da Rúa do Vilar.

“Son máis de dous millóns de persoas que se converteron para sempre nos mellores embaixadores da Ruta Xacobea no mundo, porque transmitirán a súa vivencia ás persoas que as rodean e farán xerminar na súa contorna a inquedanza de vivir o Camiño de Santiago en primeira persoa”, dixo. “Porque facer o Camiño é unha experiencia que non é comparable a ningunha outra no mundo, e así, co paso do tempo, manteremos vivo este patrimonio que nos ten feito medrar como pobo e como civilización”, engadiu. Tras as intervencións, os asistentes puideron ver a produción cinematográfica Walking the Camino.