Skip to main content

O Museo do Mar de Galicia achega os segredos do mundo mariño aos máis pequenos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa para estas datas de Nadal unha serie de actividades no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, que teñen por obxecto achegar aos máis pequenos os segredos do mundo mariñeiro e mariño. Esta programación forma parte do conxunto das máis de 70 iniciativas que o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad desprega nos museos e bibliotecas dependentes del por toda Galicia con motivo destas datas festivas.

O próximo mércores, día 24, así como os días 27 e 30 de decembro e o 3 e o 7 de xaneiro, as instalacións do museo acollerán un total de cinco actividades distintas, deseñadas e pensadas en forma de aventura para os nenos e nenas que desexen achegarse.

A partir de 8 anos
Así, ‘Coñecendo a cultura tradicional mariñeira’, para nenos a partir de 8 anos, os participantes poderán acceder aos saberes, técnicas e medios de vida que foron acumulando as xeracións de homes e mulleres que viviron por e para o mar. A actividade inclúe unha visita guiada onde os participantes se transformarán en auténticos mariñeiros tradicionais. Con ‘A conquista do mundo submarino’, os rapaces e rapazas de máis de 8 aos poderán introducirse nos segredos e descubrimentos da historia do submarinismo. Tamén para nenos desa mesma idade está pensado a actividade ‘Segredos arqueolóxicos do Museo do Mar’, que toma como punto de partida o xacemento castrexo do propio museo e na que os rapaces se converterán en arqueólogos, con escavación incluída, e despois traballar nun laboratorio científico.

Para nenos de 3 a 7 anos
Para estas idades está deseñada a actividade ‘Comían peixe os romanos? Unha viaxe no tempo’, unha aventura chea de sorprendentes descubrimentos arqueolóxicos na que os cativos poderán achegarse dun xeito divertido á cultura galaico-romana.

A outra das actividades para este público é ‘A casa dos vellos mariñeiros’, no que os nenos participarán directamente da cultura mariñeira, coñecendo os traballos que facían, ao tempo que farán unha visita ao acuario.

Todos os públicos
Entre as actividades para todos os públicos, o venres día 26 de decembro e o 2 de xaneiro ás 11,30 horas haberá unha xornada de alimentación dos peixes do acuario.

Así mesmo mantense aberto ao público a exposición ‘Sopros de Nadal’, que é un paseo pola historia da arte da decoración de Nadal en vidro e cristal, con pezas específicas relacionadas con mundo do mar. Con respecto a esta mostra, os interesados teñen a opción de realizar unha visita guiada os días 27 e 30 deste mes e o 3 de xaneiro.