Skip to main content

O Mupega inaugura unha exposición que ten como protagonista o patrimonio dos Institutos Históricos de Galicia

Inauguración da exposición

A conselleira de Educación, Universidade e Fomación Profesional, Carmen Pomar, inaugurou o 18 de xaneiro no Museo Pedagóxico de Galicia a exposición "Homo sapiens, transmisor de coñecemento. Saberes humanos a través do patrimonio nos Institutos Históricos de Galicia".

A conselleira estivo acompañada por un grupo de rapaces e rapazas de 6º de primaria do colexio Monte dos Postes e de representantes dos Institutos Históricos galegos.

A nova exposición temporal busca amosar e poñer en valor os fondos histórico-educativos que se atopan nos Institutos Históricos de Galicia. Reúne un total de 42 pezas, entre as que se encontran aparellos para a experimentación nos laboratorios de física e química, láminas, caixas didácticas ou modelos anatómicos dos gabinetes de Historia Natural, e mesmo fondos artísticos ou bibliográficos, como o primeiro tomo da Encyclopédie de Diderot e D’Alembert, que saen por primeira vez destes centros educativos para ser expostas conxuntamente.