Skip to main content

Novo ciclo de cinema no Centro Galego de Arte Contemporánea

Novo ciclo de cinema no Centro Galego de Arte Contemporánea

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela, un ciclo de cinema, que foi presentado hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo director do CGAC, Miguel von Hafe, e polo director do ciclo, José Luis Losa. ‘Cinema no CGAC’, que se realizará semanalmente os xoves e venres ás 20:30 horas ata o mes de maio, arranca mañá cun ciclo temático nove sesións dedicadas ao cine italiano, nas que se proxectarán filmes pouco difundidos, pero de recoñecido prestixio internacional.

Este ciclo de cinema enmárcase na “programación paralela e complementaria á mostra ‘93’, coa que o CGAC conmemora o seu vixésimo aniversario”, explicou Anxo Lorenzo, que tamén fixo referencia ao ciclo de conversas con artistas presentes na exposición que botou a andar onte coa participación de Vari Caramés e de Antón Patiño. “Iniciativas coma estas enriquecen o CGAC como un espazo de diálogo creativo máis alá das artes visuais, na liña que están a percorrer recoñecidos centros contemporáneos de todo o mundo”.

Unha programación coidada, con sesións durante a semana, películas con presentacións e nas súas linguas orixinais é a carta de presentación deste ciclo, que conta con outros dous bloques temáticos. A figura do transxénero centrará o segundo eixo da iniciativa, que arrancará co filme ‘Orlando’, de Sally Potter, película gañadora de Cineuropa en 1993. O terceiro ciclo xirará arredor do cinema británico, con filmes realizados na Inglaterra thatcheriana.

Os eixos temáticos do ciclo
Como marco de celebración destes vinte anos, a programación de ‘Cinema no CGAC’ nace cunha referencia nostálxica: unha apertura de festa, vinte anos do Centro Galego de Arte Contemporánea e vinte anos sen Fellini. E con el, unha serie de obras mestras do cinema italiano contemporáneo, dun inédito Nanni Moretti á estrea absoluta de títulos como ‘Romanzo di una strage’, de Marco Tullio Giordana.

O ciclo tamén recupera o filme ‘Orlando’, de Sally Potter, e, canda el, unha serie de películas que exploran a figura do transxénero. Por último, o ciclo fará un repaso polo cinema británico e airado que combatía daquela a contrarrevolución do thatcherismo, con directores da época como Mike Leigh e Ken Loach.
A primeira sesión do ciclo, o xoves 16 de xaneiro, estará dedicada ao filme ‘La dolce vita’, de Federico Felllini, á que lle serguirá, o venres 17, a película ‘Girolimoni, il mostro di Roma’, de Damiano Damiani.