15 de novembro do 2013 Inauguración da mostra ‘A restauración no museo: criterios e intervencións no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense’

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vazquez Abad, inaugurou hoxe a exposición ‘A restauración no museo: criterios e intervencións no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense’. Vázquez Abad asegurou que esta mostra é “unha porta aberta á actividade museística dun ente vivo, o resultado dun traballo tecnicamente elevadísimo que permite que a mensaxe emitida nun pasado xa remoto se manteña na plenitude do seu pulo”.

Esta exposición ten como obxectivo impulsar e potenciar o coñecemento dos bens patrimoniais nas súas diferentes facianas e procesos ao que son sometidos desde a súa entrada no centro museístico. Segundo o titular de Cultura e Educación, “grazas ao traballo dos restauradores, os museos manteñense como templos da memoria, de formas de sentir e de ver, na que como unha viaxe retrospectiva lévanos ao momento no que as mans do artista deron por rematada cada unha destas achegas”.

Asemade, Vázquez Abad incidiu en que “tras as técnicas e os criterios de restauración hai profesionais extraordinariamente cualificados que se encargan de desenvolver formas cada vez máis sutís e eficaces, para conseguir deste xeito manter vivo ese alento que nos transmite a obra de arte”. Finalmente, o conselleiro felicitou ao Museo Arqueolóxico polo seu gran labor e animou a todos os galegos a coñecer o traballo deste centro.

Ao acto, asistiron ademais o xerente da Fundación Novacaixagalicia, Pedro Otero, e o director Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xulio Rodríguez. A mostra presentada hoxe poderá visitarse ata o 9 de febreiro do 2014 no Centro Social Novacaixagalicia.

O museo dende dentro
Esta mostra pretende ser algo máis do que unha exposición dos seus fondos. Os labores de conservación e restauración dalgunhas das súas pezas encontraranse por primeira vez co público galego (radiografías, analíticas, tratamentos, etc) e achegarán aos cidadáns o arduo e curioso traballo que se agocha tras as portas do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

A mostra está composta por máis de vinte esculturas de madeira policromada, un retablo e unha táboa pintada cunha crucifixión –atribuída a Ambrosius Benson-. A exposición abrangue un amplo ábano cronolóxico, no que se encontran representados os diferentes movementos artísticos, e na que figuran mestres escultores da talla de Juan de Juni ou Mateo de Prado.

Os paneis informativos permiten coñecer a metodoloxía utilizada durante os procesos de escudo e intervención, así como os resultados acadados en cada unha das pezas, explicando os criterios de conservación, as diferentes técnicas e procesos de restauración que se empregaron e, finalmente, os resultados visibles nas obras unha vez rematados o proceso.