Skip to main content

Inauguración da exposición "O padre Feijoo. Cidadán libre da república literaria"

Inauguración da exposición

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, presidiu onte, 13 de outubro, a inauguración da exposición "O padre Feijoo. Cidadán libre da República literaria". A exposición, organizada polo Museo Arqueolóxico de Ourense, pódese visitar no centro social de Afundación na Praza Maior de Ourense ata o 30 de novembro.

O presidente salientou no seu discurso a figura do Padre Feijoo que foi “un cidadán libre que buscou a liberdade a través da verdade”, e un autor “involucrado co seu tempo”, e destacou tamén que foi “un galego de berce, formación e pensamento”. O presidente da Xunta concluíu destacando a vixencia do pensamento do Padre Feijoo, e asegurando que os visitantes da mostra “non atoparán un vestixio do pasado, senón algo seu e do seu tempo. Sentirán que son portadores de valores que merecen ser conservados”, indicou.

Pola súa parte, o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, destacou a importancia da reivindicación da figura do Padre Feijoo. O director do Museo Arqueolóxico de Ourense, e responsable da mostra, Xulio Rodríguez, subliñou que a mostra se articula en dous grandes eixos temáticos: O Padre Feijoo e Ourense, por un lado, e o Padre Feijoo e a ilustración, por outro.