Skip to main content

Gran acollida do obradoiro de verán “Do autorretrato ao selfie” no Museo de Belas Artes da Coruña

Gran acollida do obradoiro de verán “Do autorretrato ao selfie” no Museo de Belas Artes da Coruña

O obradoiro de verán "Do autorretrato ao selfie" que se realizou con carácter semanal durante o mes de xullo de 2017 para nenas e nenos de 5 a 12 anos, tivo unha ampla acollida e participación. Nesta actividade buscábase mergullar á mocidade participante no mundo da pintura, centrándose na imaxe do/a pintor/a como retratista, a imaxe persoal, as diferentes técnicas e procesos creativos e as distintas etapas da historia da arte.

Para todo iso, foron fundamentais as obras que alberga o Museo de Belas Artes da Coruña, xa que permitiron facer un percorrido cronolóxico pola historia do retrato, da visión persoal e da sociedade española en xeral. Así, dende a retratística barroca, con exemplos tan notables como o ‘Retrato de Dona Mariana de Austria’, pasando polas últimas décadas decimonónicas e as súas miniaturas, ata o mundo contemporáneo e as vangardas, onde destacan artistas como Cebreiro, Lugrís e Seoane.

Durante o primeiro día do obradoiro, os nenos e nenas reinterpretaron as obras do propio museo, achegando a súa peculiar visión sobre obras tan icónicas como o ‘Retrato de prometida de María Luisa de Orleans’ ou o de ‘Dona Carmen de Moscoso, condesa de Altamira’. Posteriormente mergulláronse no mundo das miniaturas, coñecendo a súa utilidade, a súa complexidade e as técnicas para a súa elaboración; como actividade práctica realizaron a súa propia miniatura a modo de camafeo que levar colgado.

O segundo día traballaron coa identidade persoal, gustos, afeccións e desexos a través da entrevista persoal e o retrato psicolóxico, que lles permitiu profundar no seu propio subconsciente e plasmalo dunha maneira gráfica.

O terceiro e cuarto días estiveron dedicados ao mundo das vangardas e ao século XX, explorando novas formas expresión artística a través do cubismo e o pop art.

Co cubismo aprenderon a deconstruír unha imaxe, a coñecer novas formas de representación e tratar de xuntar a súa imaxe persoal co seu estado anímico; mentres que co pop art exploraron unha faceta máis coñecida para eles/as mesmos/as, a través do mundo do cómic e os medios de comunicación de masas.

Todos/as os/as participantes elaboraron aos longo destes días un "cartafol de artista" que levaron ao terminar a actividade o último día da semana, na cal poden observar a súa progresión e comezar a crear a súa propia marca persoal como creadores/as.

Nesta ligazón pódese ver a reportaxe que fixo a TVG para o programa “A Revista”