14 de xaneiro do 2014 A Consellería de Cultura e Educación convoca oito bolsas de formación en materia de patrimonio moble galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina 48.000 euros para a convocatoria de oito bolsas de formación en patrimonio moble en diferentes institucións do Sistema galego de museos e centros propios e xestionados pola Consellería. Deste xeito, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad aposta tanto pola conservación, inventariodo, restauración e difusión dos bens culturais custodiados nestes centros, como polo fornecemento dunha formación teórico-práctica de calidade para os beneficiarios das bolsas, a través dunha convocatoria que se publica hoxe no 'Diario Oficial de Galicia' (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20140114/AnuncioG0164-030114-0001_gl.pdf).

A convocatoria destas bolsas potencia a formación inicial dos bolseiros, para que poidan afondar nas técnicas e consoliden as aptitudes necesarias que faciliten a súa inserción no mundo laboral. A súa finalidade é proporcionar unha formación teórico-práctica que, conxuntamente coa aprendizaxe académica, contribúa a completar o currículo profesional do futuro persoal técnico en materia de museos. Neste sentido, os bolseiros serán tutelados, dirixidos e coordinados por persoal dos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. As tarefas que van desenvolver son fundamentalmente as de inventario, catalogación e restauración.

A convocatoria está dirixida a persoas con formación académica en Historia, Historia da Arte e Arqueoloxía, así como a diplomados en Conservación e Restauración de Bens Culturais ou equivalente, nas especialidades de arqueoloxía, pintura ou escultura. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde mañá ata o vindeiro 14 de febreiro de 2014.

Estas axudas teñen unha duración de seis meses contados a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de acordo co centro de destino. As oito bolsas de formación adxudicaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de obxectividade e publicidade.