Skip to main content

Celebración do Día Internacional do Libro 2019 con bookcrossing nas bibliotecas dos museos

Celebración do Día Internacional do Libro 2019 con bookcrossing nas bibliotecas dos museos

O día 23 de abril as bibliotecas de museos e centros de arte e cultura únense nunha experiencia de liberación de libros.

 

Por undécimo ano consecutivo, un total de 55 museos e centros de arte compartirán o próximo 23 de abril, con motivo do Día Internacional do Libro, unha experiencia de bookcrossing ou campaña de liberación de libros con volumes procedentes da bolsa de duplicados das súas respectivas bibliotecas, coa intención de que as persoas que os recollan gocen da súa lectura e volvan liberalos noutro punto distinto do mundo.

En Galicia únense a esta iniciativa, entre outras, as bibliotecas do Museo das Peregrinacións e de Santiago, do Centro Galego de Arte Contemporánea, do Museo Etnolóxico de Ribadavia e do Museo de Belas Artes da Coruña, dependentes da Consellería de Cultura e Turismo.

Os libros conterán as instrucións necesarias para facilitarlles aos/ás lectores/as a súa participación na campaña e estarán rexistrados na páxina web http://www.bookcrossing-spain.com/, onde se poderá indicar o lugar onde se vai liberar cada exemplar. Deste xeito pode seguirse a pista de calquera deles unha vez que sexa liberado, así como saber quen o leu e en que sitio.

O obxectivo desta iniciativa é sumar ás bibliotecas dos museos no esforzo para o fomento da lectura e, en concreto, na difusión do coñecemento das distintas disciplinas culturais.

A campaña en Twitter:

#DíadelLibro
#BookcrossingMuseos