16 de setembro do 2013 Acuñada a primeira moeda de curso legal coa imaxe da Traslatio Apostólica

Museo das Peregrinacións e de Santiago

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe no acto de acuñamento da moeda de Adro Vello, a primeira moeda de curso legal que representou a Traslatio Apostólica no século XII. Segundo o conselleiro, "este acto recórdanos de onde vimos e as orixes de feitos históricos e sociais tan relevantes para a nosa terra como o Xacobeo".

Vázquez Abad explicou que esta moeda ten o valor de ser "a representación máis antiga dunha tradición xacobea esencial, a da chegada do corpo do Apóstolo ‘ao porto de Iria’ por vía marítima desde Palestina". Asemade, o representante de Cultura e Educación asegurou que actos como o celebrado hoxe no Hostal dos Reis Católicos "contribúen á promoción e salvagarda do Camiño de Santiago e do fenómeno Xacobeo".Na actualidade, a moeda de Adro Vello é de titularidade autonómica e forma parte da colección do Museo das Peregrinacións e de Santiago.

No acto participaron ademais o presidente da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, asociación que promoveu o evento, Javier Sánchez-Agustino; o director da Ruta Quetzal BBVA, Miguel de la Quadra Salcedo; o alcalde de O Grove, Ángel Pérez García; e o profesor José Ignacio Carro Otero. Asemade, asistiron diferentes alcaldes dos municipios polos que transcorre esta ruta.

Moeda do século XII

Acuñada a mediados do século XII, a moeda supón a máis antiga representación da Traslatio do Apóstolo Santiago. Mide 13 mm. de diámetro e está feita dunha aliaxe de prata e cobre. Data do reinado de Fernando II (1157-1188), un dos grandes impulsores da construción da Catedral de Santiago. Resulta significativo a representación da escena da Traslatio utilizando unha embarcación do Atlántico norte, o coñecido como o hulk.

No seu reverso, identifícase un león e a lenda ‘Ferdinandus Rex’. No seu anverso, léese a inscrición ‘S Iacobi’ a ambos lados dun mastro no que se recoñecen tres figuras: dúas cabezas e troncos cara a popa, e na proa unha terceira cabeza deitada.

A moeda atopouna o profesor da Universidade de Santiago de Compostela José Ignacio Carro Otero nunha campaña arqueolóxica realizada en 1985 nas escavacións de Adro Vello na localidade pontevedresa de O Grove.