Skip to main content

Abre unha nova convocatoria de bolsas de formación en materia de patrimonio moble galego

Abre unha nova convocatoria de bolsas de formación en materia de patrimonio moble galego

Hoxe abre o prazo para presentarse ás bolsas de formación en materia de patrimonio moble galego, convocadas pola Orde do 5 de febreiro de 2018 publicada onte no Diario Oficial de Galicia. Ata o 23 de marzo é posible enviar a solicitude para optar a unha das oito bolsas de formación convocadas. Cada bolsa ten unha duración máxima de seis meses e un importe de 5.750 €.

A finalidade das bolsas é proporcionar unha formación teórico-práctica que, engadida á formación académica, contribúa a completar o currículo académico. O persoal bolseiro realizará a súa actividade en diversos museos propios e xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Serán tutelados, dirixidos e coordinados polos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. A formación comprende unha parte teórica e unha parte práctica que será impartida por persoal técnico da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

As persoas solicitantes de bolsas de documentación de fondos de patrimonio moble deben ter unha licenciatura universitaria ou equivalente, segundo o espazo europeo de educación superior, con formación académica nalgunha das materias que se relacionan a continuación: Historia ou Antropoloxía, Historia da Arte, Arqueoloxía.

No caso das solicitantes de bolsas de restauración de fondos de museos e coleccións visitables de Galicia, deben ter unha diplomatura universitaria en conservación e restauración de bens culturais ou equivalente, nas especialidades de Arqueoloxía, Pintura ou Escultura.

Toda a información relacionada pode consultarse na sección "Bolsas e  subvencións" desta web.