Galician Wine Museum

The museum

O Museo do Viño de Galicia é un museo de titularidade autonómica que ten como finalidade a de recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio cultural vitivinícola de Galicia para o coñecemento, a aprendizaxe e o gozo da cidadanía, en xeral, e o aproveitamento e a consulta dos/as investigadores/as e estudosos/as do universo vitivinícola, en particular.

A exposición percorre as tres plantas deste edificio singular construído no século XVIII como casa de priorado para explotación vitícola dependente do Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela e convertido tras a desamortización de Mendizábal en casa reitoral de Santo André de Camporredondo.

O edificio

O Museo do Viño está situado na coñecida como casa reitoral de Santo André de Camporredondo, que forma un conxunto monumental de singular relevancia e particular significado, situada en plena comarca do Ribeiro. A súa arquitectura está ao servizo dunha das súas funcións orixinarias: a elaboración, o almacenamento e a distribución de viño cara a Compostela, por tratarse dun priorado de San Martiño Pinario.

No século XX produciuse o abandono e o espolio de elementos diversos ata o inicio dos traballos de rehabilitación entre 1988 e 1990, primeiro a través dunha escola-obradoiro municipal e finalmente pola Xunta de Galicia dende o ano 2005, despois de que o inmoble fose cedido á Consellería de Cultura polo Arcebispado de Ourense.

A colección

O museo dedica a súa exposición permanente ao cultivo da vide e ao proceso produtivo do viño ao longo da historia en Galicia. Por unha banda, a vinicultura (técnicas e sistemas do cultivo da vide) e, por outra, a viticultura (técnicas e coñecementos da elaboración do viño). Os paneis explicativos aúnan textos e ilustracións de gran calidade e acompáñanse con obxectos significativos relacionados con cada panel, como ferramentas, escritos, instrumentos técnicos, contedores etc.

As salas

A exposición permanente desenvólvese en oito salas, dedicadas cada unha delas a unha sección, que acollen, entre outras, pezas relacionadas co cultivo das cepas, tanto dende o punto de vista histórico como dende os ciclos tradicionais de colleita. Tamén teñen o seu espazo pezas significativas relacionadas con cada denominación de orixe do viño en Galicia, cunha sala dedicada en particular á comarca do Ribeiro. Por último, poden verse pezas sinaladas no proceso de elaboración do viño, dende que chega a uva á adega ata a súa conversión en viño.

 

 

Galería

  • Casa reitoral

    Reitoral da parroquia de Santo André de Camporredondo

  • Sala 2

    Sala 2

  • Roda

    Roda