Do 6 de outubro do 2016 ao 8 de xaneiro do 2017 Sorolla íntimo. Bosquexos da serie Visións de España

Museo de Belas Artes da Coruña

Organizada pola Generalitat Valenciana e a Fundación Bancaja coa colaboración da Hispanic Society of America, a exposición “Sorolla íntimo. Bosquexos da serie Visión de España” chega ao Museo de Belas Artes da Coruña, tras mostrarse na sede da Fundación Bancaja de Valencia e nos Museos de Alacante e Castellón.

Nesta mostra saen por primeira vez ao público os 32 bosquexos que Joaquín Sorolla (Valencia 1863-Cercedilla 1923) realizou como preparación para a súa obra Visión de España, un dos traballos máis esixentes da súa carreira e dos proxectos máis importantes que culminou en 1919, e que estaba composto por catorce paneis monumentais sobre as rexións de España que o artista pintou para a biblioteca da Hispanic Society of America en Nova York.

Esta colosal creación é froito da estreita relación que mantiveron Sorolla e o hispanista norteamericano Archer M.Huntington –fundador da institución mencionada- a raíz de visitar este último a exposición monográfica do pintor valenciano en Londres en 1908. 

Así, durante case unha década -entre 1911 e 1919- Sorolla viaxou por toda a xeografía española para recrear nos seus lenzos unha visión fundamentalmente plástica e moi persoal de España. O resultado foi un conxunto de debuxos e gouaches que serviron para construír a complexidade e monumentalidade dos paneis finais.

Pero, xunto ao interese artístico e monumental dos propios bosquexos, no Museo de Belas Artes a mostra cobra un sentido especial porque se complementa co excelente lenzo, propiedade do Museo, “O boieiro castelán” (El boyero castellano), un dos traballos preparatorios que fixo no seu percorrido por Castela para o inmenso panel de La fiesta del pan en Castilla, así como outros dous lenzos de tema galego Gaitero gallego e Tipo de Galicia,  realizados durante a súa estadía en Vilagarcía de Arousa en 1915 (cedidos temporalmente polo Museo Sorolla de Madrid).

A mostra complementarase cun programa de visitas guiadas.