Do 11 de outubro ao 15 de decembro do 2019 Pinceladas ocultas

Museo de Belas Artes da Coruña

A exposición monográfica mostra o significado, a análise e o proceso de restauración dunha pintura barroca da colección do Museo e o descubrimento doutra imaxe oculta baixo a actual.

A mostra temporal "Pinceladas ocultas" é o resultado dun proxecto de investigación impulsado polo Museo de Belas Artes da Coruña sobre unha obra da súa colección de arte antiga: Arrepentimento de San Pedro, do notable pintor español do século XVII Francisco Collantes.

O estudo e a restauración da obra do século XVII permitiu descubrir, mediante un exame radiográfico, a existencia dunha imaxe oculta diferente á que percibimos a simple vista, unha representación probablemente identificable con San Xerome.

Esta exposición, coa axuda de óleos, gravados, vídeos e documentación gráfica relacionados co seu contexto histórico, trata de explicar o significado desas imaxes, tanto da visible como da que aparece oculta, e tamén o proceso de restauración ao que se someteu a obra, unha vez avaliados os factores de risco e tras un diagnóstico completo das súas necesidades. Os resultados móstranse por vez primeira nos seus compoñentes analíticos, técnicos e documentais, froito da práctica e metodoloxía utilizada. Ambos os asuntos, o estudo documental e a restauración, configuran esta mostra.

Ademais, resultado da citada análise, obtivéronse interesantes achados que permitiron ao equipo técnico de profesionais do Museo desenvolver un labor máis preciso de documentación, restauración e investigación, achegando nova luzs sobre esta obra e a traxectoria artística do seu creador. Estas analíticas puideron levarse a cabo grazas á colaboración da Unidade de Arqueometría da Universidade de Santiago de Compostela.

Con actuacións como esta, a Consellería de Cultura e Turismo intensifica a cooperación coas universidades galegas no eido patrimonial e afonda en liñas de traballo importantes para o Museo, como son o fomento do estudo técnico do legado plástico e visual sito en Galicia, ou a protección e difusión da riqueza histórico-cultural albergada nos museos de xestión autonómica.

Galería

  • Limpeza da obra

  • Análise da obra

  • Detalle da análise