Do 19 de febreiro ao 24 de maio do 2015 O primeiro Picasso. A Coruña 2015

Museo de Belas Artes da Coruña

No ano 2015 celébrase o 120 aniversario da primeira exposición de Picasso na cidade da Coruña, outorgándoselle a consideración de acontecemento de excepcional interese público. Con este motivo, o Concello da Coruña, a Fundación Emalcsa e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinaron un convenio de colaboración para a organización e desenvolvemento da exposición “O Primeiro Picasso. A Coruña 2015”.

Picasso é o artista do que máis se leva escrito e do que maior número de exposicións se levan realizado dende a segunda metade do século XX. A súa vida e a súa obra foi estudada e diseccionada, catalogada e dividida en períodos e o seu nome converteuse nunha icona universal. E aínda así, este artista extremadamente prolífico e versátil non deixa de sorprender pola súa variedade de rexistros, a súa capacidade permanente de renovación e a súa conexión co medio e coa época en que lle tocou vivir. Porén, algunhas etapas do artista quedaron un pouco na sombra ou estudáronse dun xeito superficial. Tal é o caso dos anos que pasou o mozo Picasso na Coruña, deslustrados polo interese suscitado pola súa Málaga natal e máis o espertar ás vangardas na Barcelona modernista.

Así, ter a posibilidade de estudar a formación dun artista non é algo habitual. Grazas ao espírito preservador do propio Picasso e da súa familia, chegou ata nós un excepcional legado que permite apreciar a produción de toda a súa vida. Mediante algúns testemuños gráficos, sabemos que Picasso non só gardou senón que levou consigo e colgou nas paredes dos seus domicilios aquelas obras que máis apreciaba, certas pinturas e debuxos dos seus anos mozos, algúns óleos feitos na Coruña.

Non foi ata 1970, coa doazón que Picasso fixo ao museo de Barcelona, cando puido apreciarse a magnitude da produción do artista adolescente nesa etapa. A maioría das obras pintadas ou debuxadas na Coruña permaneceron gardadas pola nai e a irmá de Picasso nos seus sucesivos domicilios barceloneses, ou conservadas polo propio artista, accesible só para un reducido e íntimo círculo. Por fin, e grazas a esta ambiciosa exposición, podemos disfrutar da posta en valor da obra do artista universal na súa etapa formativa na cidade da Coruña.

Dentro do marco da exposición, desenvolverase un programa didáctico e de visitas guiadas, a celebración de conferencias divulgativas sobre a obra e vida de Picasso e a presentación do catálogo da exposición, que estará a venda na tenda do museo.