Skip to main content

Miradas á arquitectura popular en España

Cartel da exposición

Esta mostra está producida polo Museo Etnográfico de Castela e León, cunha selección da Colección fotográfica de Carlos Flores (Cuenca, 1928).

Trátase de dar unha ollada á arquitectura popular en España, hoxe en día un patrimonio vivo pero vulnerable. É historia palpable de mans e mentes que modificaron paisaxes e que moldearon hábitats con gran sensibilidade e pericia ao longo dos séculos. Un acervo cultural moitas veces deostado, relegado ao pintoresco, reducido ao rural, convertido en imperfecto, e poucas veces estudado con mirada observadora ou científica.

A presente exposición apela ao respecto ambiental, á eficiencia enerxética e á defensa de tipoloxías construtivas así como de trazados urbanos por e para o ser humano. Conceptualmente, a mostra non se concibe como un proxecto técnico e documental destinado a un público especializado, senón como un espazo de reflexión que poña de manifesto o carácter involutivo do suposto progreso, as maneiras habitacionais actuais, a recuperación de materiais e os cambios sociais que xeraron modificacións substanciais no concepto do lar. Para isto, emprégase unha selección de fotografías da colección de Carlos Flores (7.000 negativos aproximadamente) para xerar un discurso divulgativo que sexa á súa vez aparato crítico.

Carlos Flores (Cuenca, 1928) obtén o título en arquitectura en Madrid (1958) e posteriormente o grao de doutor (1965). A súa obra Arquitectura Española Contemporánea (1961) contribuíu á consolidación do Movemento Moderno en España e deulle o recoñecemento profesional dentro e fóra do país. En 1973 publica Arquitectura Popular Española, obra en cinco volumes na que ao lado dunha tese socioeconómica propia acerca da arquitectura tradicional, inclúe un extenso apartado gráfico que dende a mirada do arquitecto constitúe unha achega de necesaria consulta para o etnógrafo.

A mostra compleméntase cun catálogo editado polo Museo Etnográfico de Castela e León no que se recolle unha serie de textos e fotografías. Comisariado: Ruth Domínguez Viñas; Ana Asensio Rodríguez e Emilio Ruiz Trueba.

A exposición está aberta ao público co seguinte horario: de martes a venres de 12:00 a 14:00 h., e de 17:00 a 19:00 h.; sábados e domingos de 11:30 a 14:00 h.; luns e festivos pechado.