Skip to main content

Aberta todo o ano A mirada dos espazos. Cara a unha antropoloxía visual

Nas salas 5, 6 e 7, o museo amosa un paso máis cara aos terreos da imaxe e a fotografía. Logo das primeiras series expositivas (Imaxes de Galicia e Álbums para o Reencontro. Ribadavia e os Ribadavienses) e das publicacións editadas sobre o mundo da imaxe, pretendeuse agora proxectar unha ollada etnolóxica máis sistemática sobre os espazos visibles da sociedade que a imaxe fotográfica mostra e, ás veces, oculta. Figura como subtítulo da exposición a expresión "Cara a unha antropoloxía visual", porque a través dos distintos autores e dos seus obradoiros realizouse un relato etnográfico no que asoman ámbitos e espazos da vida social, descritos e interpretados aquí.

Nesta ocasión trátase de presentar aos fotógrafos que teñen obra na colección do Museo Etnolóxico. Pretendeuse así facilitar o seu disfrute e divulgar as súas fotografías como é obvio, pero tamén dar a coñecer parte do traballo que o museo, isto é, tanto o seu persoal como os investigadores que acoden a estudar estes bens, está a facer con estes fondos. Un traballo centrado na análise da fotografía esencialmente como documento capaz de aportar información acerca da sociedade na que se produciu. Foi tamén intención do museo lembrar a figura de Benito Losada, que motivou a participación dende hai anos do museo no Outono Fotográfico.